Cedonosa

Cedonosa - Catoira - San Miguel de Catoira

Imaxe: Manuel Lara

Eloy Domínguez Veiga nacera en 1881 en Camposancos (A Guarda), no seo dunha familia con actividade na construción e no comercio. Con quince anos marchara a traballar a Santo Domingo como empregado de comercio. Dous anos despois regresaba a Camposancos para traballar nun negocio de serra mecánica e fornos de cal que montara o seu irmán maior, Manuel, no Pasaxe de Camposancos, ao lado do serradoiro dos irmáns Candeira e a escasa distancia do dos irmáns París.

En 1905, con vinte e catro anos, Eloy marcharía para Valencia con Celestino Trigo Pérez para atender aos negocios do serradoiro familiar e aos da nova sociedade creada co seu irmán Manuel e con Celestino baixo o nome de Domínguez, Hermano y Trigo, dedicada á comercialización de azulexos, conservas vexetais e cítricos.

Despois dun ano en Londres, Eloy Domínguez regresa a Valencia coa idea de fabricar azulexos para incorporalos ás novas construcións. En 1912 Domínguez, Hermano y Trigo xa fabricaban azulexo na súa fábrica valenciana de Manises.

En 1915 a explosión da caldeira de vapor destruía o serradoiro de Camposancos, e os irmáns Domínguez abandonaban o negocio de serra, mantendo a actividade de almacenistas de madeiras. A Gran Guerra Europea (1914-1918) afectaría negativamente aos negocios e, no mes de abril de 1918, os socios decidían a disolución da compañía. Celestino Trigo dedicaríase á fabricación de conservas vexetais, mentres que os irmáns Domínguez seguirían coa fabricación de azulexos. Ámbalas dúas empresas situaríanse entre as máis importantes da rexión levantina nos anos previos á Guerra Civil (1936-1939).

Eloy mercaríalle en 1924 ao seu irmán Manuel a participación na fábrica de Manises e, xa como único propietario, comezaría a expansión na manufactura de azulexos: en 1925 mercaba unha fábrica en Onda (Castelló), en 1929 mercaba outra en Manises, e dúas máis en 1930, tamén en Manises. A expansión viña acompañada pola modernización do sistema produtivo, substituíndo as leñas por carbón, incorporando prensas semiautomáticas para a pasta de arxila e fornos de pasaxe que substituían aos tradicionais fornos árabes de cocción do azulexo xa esmaltado, aforrando tempo e combustible.

Contra 1930 Eloy Domínguez Veiga era un dos máis importantes empresarios do azulexo no estado, cunha produción de vinte e catro millóns de pezas e máis de cincocentos traballadores. Gran parte da produción exportábase a área do Caribe e sur dos Estados Unidos. Moitas vivendas de California, Florida, Cuba e México revestíanse cos azulexos das fábricas do empresario guardés. A expansión empresarial vai completarse en 1934 coa adquisición en San Vicent del Raspeig (Alacant) dunha fábrica de cerámica que dedicará á fabricación de tellas e ladrillos.

No mes de xullo de 1936 Eloy Domínguez estaba de vacacións na Guarda. O comezo da Guerra Civil (1936-1939) e a pronta aliñación do territorio galego cos rebeldes, fixo que quedara illado da súa empresa, con todos os seus centros produtivos situados na zona fiel á legalidade da República. O empresario intentaría retomar a produción en Galicia, mais a súa solicitude para arrendar en 1938 a fábrica Cerámicas La Caeyra non prosperaría. Rematada a guerra, Domínguez acometerá a recuperación das fábricas levantinas e decidirá establecer unha nova fábrica de cerámica en Galicia.

Coa axuda de Ramón Diéguez Carlés, o dono da Cerámica Celta de Pontecesures, terá en 1941 redactado o proxecto técnico para instalar en Catoira unha industria de fabricación de azulexos e pezas similares de pasta de porcelana. Solicitará tamén autorización para construír un embarcadoiro para o servizo da fábrica.

As dificultades da posguerra farán que non poda comezar a fabricación até o ano 1947, e que non poda rematar as instalacións fabrís até finais de 1949. Na cheminea figuraría a inscrición de 1950. A nova empresa xirará co nome Cerámica Domínguez del Noroeste, S.A. (CEDONOSA) e rexistrará a marca comercial Ely para comercializar os seus produtos. Ao mesmo tempo, Domínguez agrupará as súas fábricas levantinas baixo a razón social Cerámica Domínguez de Levante, S.A. (CEDOLESA).

Eloy Domínguez Veiga morrería no mes de xuño de 1959. O seu fillo maior, Manuel Domínguez López, vai quedar ao fronte da fábrica de Catoira, mentres os outros dous o farán nas fábricas levantinas, Eloy en Manises e Celestino en Onda. A fábrica de Catoira vai especializarse na fabricación de gres (pasta de caolín cocida até a vitrificación) para tubaxes, mosaicos e refractarios, malia que fabricará tamén ladrillo e tellas.

A forte demanda que arrancara no decenio de 1960 e medrara nas décadas seguintes, fará que a comezos da década de 1990 se traslade a fabricación de material refractario para a industria cerámica e a industria siderúrxica a unha nova fábrica que se instala no polígono industrial de A Ran, en Cuntis. A finais dese mesmo decenio, a planta sería adquirida pola multinacional francesa Imerys Kiln Furniture (IKF).

No ano 2004 o grupo empresarial abre unha nova planta en Andorra (Teruel), baixo a razón social Ferrogrés, S.L., mais xa no mes de febreiro do 2009, arrastrada pola crise da construción, abandonaba a produción e despedía aos 28 empregados. A caída levaría tamén por diante a fábrica de Catoira, que despedía no mes de marzo, tamén do 2009, aos seus 85 empregados.

No mes de febreiro do ano 2010, a que fora a planta da empresa en Cuntis explotada dende finais do decenio de 1990 pola multinacional francesa Imerys Kiln Furniture (IKF), vai tamén pechar as súas instalacións, poñendo fin a historia de CEDONOSA en Galicia.

No verano do ano 2013 as propiedades de CEDONOSA en Catoira saen a poxa ou pública venda, non sendo adxudicados por falta de ofertas. Finalmente, no mes de xullo do ano 2017, os noventa mil metros cadrados da propiedade, con uns trinta e dous mil metros cadrados de superficie cuberta son adxudicados a empresa Urtain Líder.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Serradoiro de Pereira

Serrerías Industriales de Catoira

Mina da Trema

Telleira das Rañas