Caleras del Ulla

Caleras del Ulla - Pontecesures - San Xulián de Requeixo

Imaxe: Manuel Lara

Estas caleiras foran estabelecidas en 1923 por Ramón Diéguez Carlés, baixo a razón social Caleras del Ulla. Diéguez, dunha familia de pequenos comerciantes, estudiara química e farmacia en Santiago de Compostela, e comezara a traballar en Madrid, no laboratorio dun dos máis importantes farmacéuticos do país, o licenciado santiagués José Casares Gil, precursor do desenvolvemento da química en España.

O 6 de febreiro de 1923, na solicitude da licenza de construción da fábrica, indicábase que o promotor tiña proxectado “construir dos hornos, uno de cocción de baldosa y artículos análogos y otro para calcinación de cuarzo pedernal y carbonato cálcico”. A caleira vai ser así o embrión da futura Cerámica Celta.

A materia prima era, posiblemente, de procedencia asturiana e chegaba en naves que descargaban inicialmente no Porto de Cesures, ata que máis adiante se construíu un máis preto da fábrica.

O cal producido utilizábase na construción e para o abono dos campos. Vendíase pola comarca e tamén chegaba ás cidades de Vigo e A Coruña.

As instalacións que configuraran o conxunto da industria de fabricación de cal, acaroadas á que fora Cerámica Celta, localízanse na aba setentrional do Monte de Porto, na ribeira esquerda do río Ulla, tras o seu paso pola vila.

Os fornos, un previsto para a calcinación da pedra calcaria e do seixo pedernal, e para a cocción de baldosas e artigos similares o outro (aínda que os dous limitaríanse á cocción da calcaria), son unhas construcións tronco piramidais executadas con pedra do país labrada en cachotes. O interior dos fornos, coa labra das pedras máis coidada que no exterior, ten unha sección aproximadamente circular, a xeito de cheminea, cunha capacidade de 50 a 60 metros cúbicos.

As instalacións complétanse con dous galpóns de planta baixa, de 30 metros de longo por 10 metros de ancho.

Malia que nos comezos da industria a materia prima vai descargarse no Porto de Cesures, o propietario da caleira construiría un pequeno peirao de pedra a carón do forno, que permitiría desembarcar con comodidade as pedras calcarias e os materiais combustibles precisos para o desenvolvemento do proceso de calcinación. Ademais da venda local a pé do forno, a cal producida tamén sairía polo peirao cara aos destinos máis distantes.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Caleras del Ulla

Fábrica de leite de Pontecesures

Cerámica Artística Gallega

Cerería Diéguez